Friday 03 de May de 2024

Unanimidade do Pleno de Frades ao solicitarlle á Deputación unha subvención nominativa de 74.800 euros para mercar un tractor con pa


O Pleno de Frades celebrou esta mañá unha sesión plenaria extraordinaria e urxente para aprobar, por unanimidade dos grupos municipais, solicitarlle á Deputación da Coruña unha subvención nominativa de 74.800 euros para a compra dun novo tractor para a realización de traballos de roza, limpeza e mantemento de pistas e estradas municipais. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que o Concello dispón na actualidade de dous tractores dedicados a estas labores, con 15.000 e 6.000 horas de traballo, “a súa vida útil é de entre 10 e 15 anos e un deles xa ten 12 e comeza a dar problemas mecánicos”.

O alcalde sinalou que “segundo a memoria valorada, a nosa rede viaria municipal está composta por máis de 600 quilómetros de pistas polo que temos aos nosos dous tractores traballando oito meses sen descanso para ter as nosas pistas no mellor estado posible, sobre todo para as persoas que traballan no campo ou na gandería”. A incorporación dun terceiro tractor non só facilitaría estes traballos, senón que permitiría non ter que subcontratar outras tarefas como o traslado de equipos ou materiais para os obreiros municipais.

O acordo aprobado polos tres grupos municipais inclúe solicitarlle á Deputación unha axuda de 74.800 euros para a compra dun tractor, que terá un prezo máximo de 93.600 euros (IVE incluído). O Concello de Frades achegaría os 18.800 euros restantes de fondos propios. O tractor deberá ser diésel, de entre 110 e 130 cv e con pa, así como unha serie de características entre as que destaca un GPS e unha telemetría que permita o seu seguimento en tempo real a través de dispositivos móbiles.

Previamente, Roberto Rey xustificara a urxencia da sesión en que “nos informaron do Grupo Popular da existencia destas nominativas e o pasado 6 de abril emitimos o documento en Xunta de Goberno, pero agora nos pediron que fose un acordo plenario antes de que rematara xuño, polo que non podiamos agardar ao pleno ordinario do vindeiro 9 de xullo”: